43.49751, -7.93878

 

Ascendendo cara ao sur pola estrada comarcal desde Recemel, a medio quilómetro, un desvío á dereita, que en realidade é unha curva do antigo trazado da vía, servirá de estacionamento e punto de partida para visitar a fervenza de Recemel ou de Os Pedrós. O percorrido superará en pouco os 500 metros ata o salto principal, sen fortes pendentes, aínda que sobre terreo irregular. Un camiño de carro entre muros descende por espazo arborado para achegarse á beira do río á altura dun antigo muíño, vea fluvial que non é outra que o Río Grande ou Xubia, aínda nos seus primeiros pasos.

Contemplamos alí un bosque novo composto principalmente por distintas especies como abeleiras, carballos, amieiros e algúns acivros, cuxa distribución permite ver iluminada a suave chaira fluvial, onde o río se encamiña acelerándose e precipitándose entre pequenos chanzos pedregosos para descansar noutros tantos recháns nos que asolaga sucesivas pozas. Baixo o dosel arbóreo destácase como especie dominante o dentabrú ou fento real, tupindo as marxes do leito.

Seguiremos entón a ruta indicada por unha antiga canle construída en pedra e que desvía as augas para alimentar de enerxía hidráulica a varios muíños, que en número de cinco orlan as ladeiras encaixadas do val. A importancia dalgún deles evidénciase ao coñecer a súa condición de antiga vivenda e as tres pedras que rompían o gran. Xusto antes da caída principal, na zona máis abrupta, a de Os Pedrós (grandes pedras) acumúlanse notables bloques que chegaron dos hercúleos arrastres de climas máis chuviosos. Entre eles xorde o cano do río a modo de gran fonte e expándese bañando un tobogán pétreo de case 20 metros de lonxitude que salva uns 15 metros de altura. É a sonora testemuña do alzamento que o noso continente sufriu fai decenas millóns de anos provocando que o río tivese que saltar e ir fendendo o leito rochoso para salvar o desnivel cada vez maior co mar.