43.55863, -7.87452

A Queiroga

As Enchousas (San Pedro)

Gozar da auga toma sentido contemplando a beleza do río Mera, concretamente a 8 km da cabeceira municipal, desde a que hai que tomar a estrada comarcal de Cerdido e, despois de 2 km, desviarse á dereita pola parroquia das Enchousas. Ao chegar á aldea da Queiroga, antes de superar o río por unha ponte que leva ao municipio de Ortigueira, séguese de fronte deixando á esquerda unha pequena ponte medieval.

En tan só 500 m chégase á a unha contorna cunha fermosura única. Un muíño indica o acceso ao río, aquí de curso tendido aínda que o val sexa encaixado, formando parte da área protexida LIC Ortigueira-Mera, que combina hábitats en ambiente fluvial e mariño. No outro extremo, unha pequena presa con salto de auga desviaba, desde o seu lateral, o caudal para alimentar aos muíños mediante unha profunda e ancha canle amurallada que se pode vadear por un paso lousado. Unha pequena illa no medio do leito realza a beleza da contorna.

A variedade de especies vexetais é notable, cada unha buscando as súas preferencias ecolóxicas. Na beira oposta, a pendente obriga aos amieiros a elevarse sobre os sufridos carballos, mentres se dispoñen espazadas as novas abeleiras entre as que aparecen bidueiros, algún pradairo sobrevivente de climas máis fríos, exemplares de salgueiro nos claros onde o sol é máis xeneroso e freixos precursores dun bosque de ribeira, que se irá facendo cada vez máis espeso.