43.54025, -7.8925

Seixas

Seixas (Santa María)

 

Santa María de Seixas é unha das parroquias que naceu en 1895 da fragmentación da matriz Santiago Seré das Somozas. As súas trazas neogóticas proceden do tránsito entre os séculos XIX e XX, en concreto de 1899, como versa nunha inscrición da súa fachada. Ao contrario que as demais igrexas do municipio, de planta rectangular, esta preséntaa en cruz latina, na que se diferencian a nave, dúas capelas laterais, o presbiterio e unha sancristía traseira.

No exterior destacan varios elementos, por exemplo, a existencia de dous campanarios, algo que se observa noutras igrexas do municipio. Ao habitual, de maior monumentalidade e con campás de gran talla usadas en actos funerarios e acontecementos importantes, súmase unha espadana máis pequena sobre o pique do muro traseiro do presbiterio, na que unha campá menor toca o inicio dos oficios litúrxicos. A posición elevada e exposta fai que estes elementos sexan fráxiles ante temporais, raios e tremores de terra, seguramente por iso o maior é máis moderno e de cemento, ao contrario que a espadana traseira, pois se elaborou en toelo, a rocha orixinal da zona. Esta é simple pero de gran beleza realzada pola súa coroación de cruz e dous pináculos. Deste tipo de pedra fixéronse tamén os esquinais, linteis de portas e xanelas, o círculo con ventá da fachada e o semicírculo coa custodia que anuncia a data de construción, quedando o resto recebado e encalado.

O interior, ben iluminado por amplos vans rectangulares, destaca polo coro, con porta de acceso ao campanario, así como polo teito resolto nunha bóveda rebaixada de madeira que, no presbiterio, cóbrese cunha bóveda de aresta. Sobre ela, o teito é de dúas augas salvo na pequena sancristía, que se compón de tres. O presbiterio queda ben delimitado por un arco de medio punto rebaixado que se apoia en pilastras. A ornamentación céntrase no retablo que preside o altar maior, chamando a atención a súa singular policromía.