43.50194, -7.9408

A Igrexa

Recemel (Santa María)

Esta igrexa de estilo barroco representa a unha das dúas parroquias orixinais do concello e a única que mantivo a súa integridade territorial. Atópase nun alto que permite obter amplitude visual desde o seu atrio e ao tempo ser observada xa de lonxe en toda a súa plenitude, para descubrir un templo de grandes dimensións e complexidade construtiva na súa planta. Ten tres naves, unha torre campanario exenta na súa esquina suroeste, un presbiterio con tres corpos, o central máis alto, e unha ábsida rectangular que actúa de sancristía, elementos que en conxunto achegan unha rica volumetría na que xoga un papel moi importante a existencia de distintas alturas. A simetría da fachada principal, que é moi sobria, vese interrompida pola alta torre do campanario, á que se accede desde o exterior e que representa o elemento máis barroco do lugar. Esta resólvese en tres corpos, alcanzando o primeiro a altura do presbiterio, que é a parte máis elevada da igrexa, o segundo contén o campanario, de altos ocos, balconada de pedra e coroa de pináculos, mentres o último se resolve mediante unha curiosa cupuliña octogonal e xanelas.

No interior, as tres naves están lonxitudinalmente separadas por unha serie de arcos de granito de medio punto sobre columnas de pouca altura, aos que hai que sumar o arco triunfal, máis alto, para dar visibilidade á capela maior, e catro máis que desde as naves laterais e o presbiterio dan paso ás capelas laterais. O conxunto de arcadas é soberbio e vese beneficiado por unha especial iluminación, pouco frecuente nestes edificios, que parte de numerosos ocos abucinados existentes nas naves e o altar maior. Os tres retablos destacan pola súa sinxeleza, trazas neoclásicas e policromía imitando ao mármore. Outros elementos destacados son o púlpito coroado e con varanda de ferro, os confesionarios de estilo neogótico en madeira de castiñeiro e o pequeno coro, ao que se sobe por unha escaleira de caracol. Unha interesante inscrición na porta lateral lévanos ao ano de 1655, o que indica que o cenobio pasou por distintas fases construtivas e permite comprender que o estilo dos seus elementos compositivos sexa diverso.