A Graxoiba

Gozar da auga toma sentido contemplando a beleza do río Mera, concretamente a 8 km da cabeceira municipal, desde a que hai que tomar a estrada comarcal de Cerdido e, despois de 2 km, desviarse á dereita pola parroquia das Enchousas. Ao chegar á aldea da Queiroga, antes de superar o río por unha ponte que leva ao municipio de Ortigueira, séguese de fronte deixando á esquerda unha pequena ponte medieval. En tan só 500 m chégase á a unha contorna cunha fermosura única. Un muíño indica o acceso ao río, aquí de curso tendido aínda que o val sexa encaixado, formando parte da área protexida LIC Ortigueira-Mera, que combina hábitats en ambiente fluvial e mariño. No outro extremo, unha pequena presa con salto de auga desviaba, desde o seu lateral, o caudal para alimentar aos muíños mediante unha profunda e ancha canle amurallada que se pode vadear por un paso lousado. Unha pequena illa no medio do leito realza a beleza da contorna. A variedade de especies vexetais é notable, cada unha buscando as súas preferencias ecolóxicas. Na beira oposta, a pendente obriga aos amieiros a elevarse sobre os sufridos carballos, mentres se dispoñen espazadas as novas abeleiras entre as que aparecen bidueiros, algún pradairo sobrevivente de climas máis fríos, exemplares de salgueiro nos claros onde o sol é máis xeneroso e freixos precursores dun bosque de ribeira, que se irá facendo cada vez máis espeso.

Fervenza de A Graxoiba

Esta singular fervenza salta sobre a valgada do Rego de Escalo, afluente do Río Pequeno e, polo tanto, do Río Xubia ou Grande. Leva o nome da aldea máis próxima, que se compón de dous barrios, o que leva o citado nome e o de Chao. Precisamente deste último, á altura do seu pequeno lavadoiro, parte en descenso unha pista de terra que en 200 metros leva ata o recurso natural. Aínda que a vía é ancha, recoméndase deixar o vehículo en calquera destes dous núcleos, que reúnen nas súas vivendas e construcións adxectivas bos exemplos de arquitectura tradicional, formando un coidado conxunto que representa a típica aldea rural da zona. O traxecto é curto pero atractivo, e nos encamiña entre arcadas de loureiros en agradables claroscuros. Nunha curva do camiño supérase o regato e se presenta un bosquete que acompaña a caída de auga nunha composición de matices selváticos. Un pequeno rodal de altos amieiros e frondosas abeleiras ten aos seus pés un xardín de fentos, ambiente fluvial no que a humidade e a escuridade fan que centremos os nosos sentidos no son que emite unha ampla “cola de cabalo”, que en época chuviosa debuxa unha ampla cortina de auga. A fervenza en dous chanzos, tramos chairos e desnivelados do río. O superior é máis pequeno e irregular, cuns catro metros de caída, no que progresan algunhas árbores entre as rocas do leito, pero baixo o mesmo aparece un espello de falla vertical de 14 metros sobre o que o río verte o seu ouro líquido. É a evidencia das antigas oroxenias, familias de terremotos que o choque dos continentes multiplicou durante millóns de anos dislocando o terreo, e salpicando Galicia de saltos de auga naturais.

Fervenza de Recemel

Ascendendo cara ao sur pola estrada comarcal desde Recemel, a medio quilómetro, un desvío á dereita, curva do antigo trazado da vía, servirá de estacionamento e punto de partida para visitar a fervenza de Recemel ou de Os Pedrós. En só 500 metros chegarase ata o salto principal, sen fortes pendentes aínda que sobre terreo irregular. Un camiño de carro descende entre arborado para achegarse, á altura dun antigo muíño, á beira do río Grande ou Xubia. Contemplamos alí un bosque novo composto principalmente de abeleiras, carballos, amieiros e algúns acivros, cuxa distribución permite ver iluminada a suave chaira fluvial. O río encamíñase acelerándose e precipitándose entre pequenos chanzos pedregosos para descansar noutros tantos recháns nos que asolaga sucesivas pozas. Baixo o dosel arbóreo destaca, tupindo as marxes do leito, o dentabrún, un fento de viva cor e xenerosas frondes. Seguiremos entón o itinerario indicado por unha antiga canle de pedra que desviaba as augas para dar enerxía hidráulica a cinco muíños que orlan a ladeira encaixada do val, algún de importancia, como testemuña a súa condición de antiga vivenda e as tres pedras que rompían o gran. Xusto antes da caída principal, na zona máis abrupta, a de Os Pedrós (grandes pedras), acumúlanse grandes bloques que chegaron dos hercúleos arrastres de climas máis chuviosos. Entre eles xorde o caño do río a modo de gran fonte e expándese bañando un tobogán de roca de case 20 metros de lonxitude e 15 de desnivel. É a sonora testemuña do alzamento que o noso continente sufriu fai decenas millóns de anos, provocando que o río tivese que saltar e fender o leito rochoso para salvar un desnivel cada vez maior que o mar.