43.4841198,-7.9705146

Recemel (Santa María)

Este cruceiro atópase na parroquia de Santa María de Recemel, anexo á capela de San Antonio da Toca. Trátase dunha obra sinxela pero ao tempo moi orixinal polas súas rotundas trazas xeométricas. Para empezar, aséntase nun conxunto basal de dimensións notables e con tres singularidades: componse dun pedestal cuadrangular grande e sinxelo, sobre o que se colocou outro moito menor pero máis complexo, con molduras; o pedestal inferior presenta un recio peto para esmolas de grandes dimensións; no sobrepedestal aparece embutida en todo o seu alto unha figura completa do santo titular do templo cos brazos abertos. A columna superior é cadrada nos seus extremos pero, no resto, octogonal irregular ou oitavada, mostrando os frecuentes biseis en punta de frecha como transición. Se o capitel é sinxelo, de corte neoclásico, a cruz non o é menos pois, co de estilo grego e cos extremos potenzados, tan só contén un Cristo de pequenas dimensións sobre o que se pode ver a habitual cartela coa inscrición INRI. Presenta a cara barbada e o pelo longo, con detalle dos guechos, os ollos pechados e a cara ladeada, en aspecto moribundo, mentres mostra as súas pernas flexionadas e os pés cruzados, sendo evidentes os cravos. Trátase dun exemplo de devoción popular, común a tantas capelas e ermidas, complementando con distintos santos as advocacións principais, ás que poden superar en adeptos e visitas, pois ocupan lugares que foron antigamente ocupados por castros ou que representan fitos xeográficos que foron suxeito de cultos e tradicións antigas que a Igrexa sacralizou e que moitas veces manteñen as súas tradicionais romarías. Outra singularidade do cruceiro é a presenza dun peto de esmolas, cuxa finalidade é recadar donativos en metálico para as Ánimas do Purgatorio, o Santísimo ou o propio Santo, o que tamén adoitaba traducirse en melloras e coidados para as capelas. Normalmente só é posible ver as ferraxes dos seus restos, pero neste caso obsérvase ben conservada.