43.521998, -7.927285

As Somozas (Santiago Seré)

Sitúase en encrucillada de camiños, unha das localizacións con máis significado para as cruces de pedra e moi frecuente en todo o territorio galego. Aínda que neste caso poida parecer un tanto illada, afastada de lugares de importancia viaria, isto é debido a que algunhas sendas foron perdendo o seu papel tradicional o que oculta a súa pasada funcionalidade. Perfectamente conservado e coidado, non é raro ver aínda, de cando en vez, ofrendas florais que demostran que o seu simbolismo segue vivo e mantén para a poboación o valor polo que foi feito. A súa rechamante textura en tons verdosos, agrisados e avermellados responde á serpentinita, o material orixinal da comarca que tanto se estila polos seus bos resultados arquitectónicos. Non sendo de gran talla, a súa rotundidade e forza o engrandecen. Destaca a súa marcada xeometría, de arestas vivas, de ángulos rectos que só suavizan na forma octogonal da columna, as figuras da cruz e as molduras das pezas do pedestal, que se resolve a modo de plinto. O capitel é tamén sinxelo e ofrece finas molduras en tamaño crecente que o realzan para dar soporte á cruz. Esta presenta unha forma grega cuxos extremos atópanse  rematados por ampliacións potenzadas. As figuras son pequenas pero moi logradas, sendo habitual a do Cristo, nunha posición moi repetida polo cruzamento das súas pernas montadas e cunha orixinal posición en escorzo na que chama a atención unha expresión desafiante no seu rostro. Na cara oposta acaróase a Virxe das Dores, tocada cun manto, con túnica plisada e coas mans en actitude orante. No pedestal pódese ler unha inscrición “Fíxose á devoción de Don Pedro Vilaboy Ardao”, indicando ademais a data da súa construción, 1901. Trátase por iso dun cruceiro votivo para recordo e honra dun personaxe particular.