43.51969, -7.94638

A Barreira

As Somozas (Santiago Seré)

Trátase dunha lograda obra situada á beira do Río Pequeno, que en menos de tres quilómetros de aquí unirase co Grande para dar vida á principal vea fluvial que forma a ría de Ferrol. Esta ermida situada na chaira fluvial, disponse orientada cara ao Leste no medio dun espazo aberto próximo ao que se coñece como o Machuco Vello, que polo seu nome responde a unha antiga e pequena ferrería. Trátase dun templo de nave única e planta rectangular, cuxa sinxeleza contrasta con algún dos seus elementos e vese realzada polas coidadas restauracións de que foi obxecto recentemente. A súa orixe debe ser bastante antiga, pois unha das cartelas da súa fachada lembra que xa foi reedificada no ano de 1903 por Pedro Martínez Anidos. Outra cartela indica que estamos ante a Hermita de San Isidro, mentres unha terceira inscrición, lateral, recoñece a interesante restauración máis moderna levada a cabo polos veciños no ano 2005.

Os rechamantes muros deixan á vista cachotería en roca diversa, con algúns perpiaños mellorando a estrutura nos esquinais, todo iso encintado en cor clara que destaca o contraste cromático nos seus materiais. En ambos os dous laterais ábrese unha pequena xanela de estilo gótico, con xambas, antepeito e arco realizados en toelo.

A fachada recolle os elementos máis importantes. Por unha banda, a porta e a xanela superior enmárcanse por molduras tamén en rechamante pedra de toelo de variedade avermellada, presentando linteis a modo de arcos conopiais. Estas figuras resultan pouco frecuentes na arquitectura galega, menos aínda na popular e case unha excepcionalidade no medio rural, outorgando un aspecto realmente orixinal ás trazas artísticas do cenobio. Pola súa banda, encima do tellado en lousa e a dúas augas elévase unha lanzal espadana, que lembra coa súa forma a un moldurado piñón gótico. Dous pináculos laterais imitan a propia forma do conxunto, que co seu pináculo superior sostén unha sinxela cruz metálica latina.

O lugar conta con mesa e bancos, unha fonte con curiosa pía de pedra e un asador.