43.540396, -7.892578

Seixas (Santa María)

Situado no atrio da igrexa parroquial de Santa María de Seixas, a súa idade é moi similar aínda que anterior á construción desta, xurdindo no ano de creación da parroquia, cando a mesma se escindiu eclesiasticamente de Santiago Seré das Somozas. A súa posición próxima ao templo, no espazo aberto que o rodea, serve de prolongación da relixiosidade máis aló do edificio principal, reforzando a misión pastoral. Ao ser este máis antigo que o cenobio, ao revés do habitual, puido ser planificado ao mesmo tempo pero acabado antes que a propia sede parroquial. Realizouse en toelo, a característica pedra serpentinítica da zona, de especial ductilidade e moi apreciada polos canteiros. Na parte baixa, o pedestal, que é tronco- prismático, ten unha placa embutida realizada no mesmo material e cunha borrosa inscrición na que se pode ler “Fíxose á devoción de Manuel Prada”. Nela aparece a data de construción, 1895. Sostén estas pezas unha plataforma de tres bancadas cadradas formadas cada unha por catro perpiaños de talla emparellada e unidos a óso. Por encima, a columna, de talla algo curta, recibe un toque esvelto a través do oitavado das súas facetas e a presenza de biseis en punta de frecha. O capitel que o une coa cruz é sinxelo e suma finas molduras en banzos. A cruz tamén é sobria, latina cos paus rectangulares e lisos, sen outro relevo que a habitual cartela coa inscrición INRI, e sostén figuras realizadas con corrección e sen alardes nin detalles rechamantes. Por unha banda, o Cristo presenta unha expresión de resignación baixo a súa longa melena e se lle magnificou o tórax para reforzar a súa condición de crucificado, aparecendo con pernas flexionadas. Ao outro, esculpiuse a Virxe das Dores, que repousa sobre unha pequena pero estilizada peaña sobre a que se asenta de maneira simétrica e coa habitual actitude orante