O río Grande de Xubia debe o seu nome ás altas terras de Somozas, onde os regatos Grande e Pequeno únense para dotar de auga a toda unha comarca e permitir, co antigo modelado da súa ría, que Ferrol dispuxese do seu estratéxico emprazamento, o que tanta importancia tivo na historia do país. Son as raíces dunha paisaxe diversa do que ten gran parte de culpa o zigzagueante río, contando con leitos encaixados, fervenzas e amplas chairas fluviais afundidas pola tumultuosa historia da Terra. Este bañará, antes de chegar ao mar, nos seus 31 quilómetros de lonxitude, os municipios de Moeche, San Sadurniño, Neda e Narón, estendéndose por unha conca fluvial de máis de 180km2.

Xa desde as súas fontes no Monte Tafornelo, a uns 550 metros de altitude, os seus bosques fluviais son recoñecidos como patrimonio por un Lugar de Interese Comunitario declarado en 2004, o Xubia-Castro, que conta con algo máis de dúas mil hectáreas de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, en especial recoñecemento das súas áreas húmidas e corredores fluviais. De feito, entre os 18 hábitats de interese comunitario que posúe destacan os relacionados coas zonas húmidas, como o dos queirogais húmidos atlánticos, as turbeiras acedas activas ou os propiamente fluviais, acompañados polos bosques galaico-portugueses de carballo e rebolo. Conta con 31 especies que se atopan especialmente protexidas pola súa vulnerabilidade, destacando aquelas relacionadas coa proximidade ao río. Así, é posible observar a londra, diversos anfibios como a salamántiga galega, a lagarta da serra e o sapiño pinto, ou varios fentos de orixe terciaria como o fento do botón (Woodwardia radicans), o fento do cabeliño (Culcita macrocarpa) e o fento frisado (Trichomanes speciosum). No referente á avifauna, abundan as aves de rapina, coa presenza do falcón pequeno, o azor, o gabián, a gatafornela e a tartaraña cincenta.