Esta vea fluvial de case 30 quilómetros de lonxitude ten as súas fontes nos altos das Somozas e As Pontes, dirixíndose cara ao norte, cara á ría de Ortigueira, tras salvar case 500 metros de desnivel partindo xusto desde onde o río Xubia buscará á de Ferrol, cara ao oeste. Vai acumulando augas dunha conca de algo máis de 125km2 que reúne aos municipios de As Pontes, Somozas, Cerdido e Ortigueira, e converte o seu especial clima marítimo, que outrora contou con viticultura, nunha virtude para as árbores froiteiras, en profusa produción nos vales medio e baixo.

A xenerosidade hídrica e climática permitiron o crecemento de bosques frondosos que, no ámbito fluvial, foron obxecto dunha protección dentro do Lugar de Interese Comunitario Ortigueira-Mera, de case catro mil hectáreas, declarado en 2014, no que se desenvolve un interesante corredor ecolóxico que combina hábitats fluviais e mariños, xa que acolle o río Mera e a súa ría, a de Ortigueira. A área protexida inclúe a Zona de Especial Protección para as Aves da Ría de Ortigueira e Ladrido. Presenta 33 hábitats de interese comunitario que protexen 53 especies de especial atención pola súa condición de ameazadas. Entre os primeiros, ademais dos moi extensos e interesantes que achega a ría, agrupados nos de augas mariñas e medios de marea, e os de marismas e pasteiros salinos, destacan os queirogais húmidos, os bosques de ribeira atlánticos e os bosques galaico-portugueses de carballo e rebolo. Entre os taxons animais e vexetais destacan polo seu significado ecolóxico os fentos que sobreviven desde os cálidos e chuviosos climas terciarios, con especies como o fento do botón (Woodwardia radicans), o fento do cabeliño (Culcita macrocarpa)e o fento frisado (Trichomanes speciosum). Nos ambientes fluviais descóbrese unha ampla variedade de anfibios, destacando a salamántiga galega e o sapiño pinto. Entre os mamíferos cóntase coa londra e os morcegos grande e pequeno de ferradura. Da ampla variedade de aves rapaces sobresae o falcón, pero na avifauna tamén se pode citar como singularidade a presenza da avefría europea.