43.53497, -7.9403

A Igrexa

As Somozas (Santiago Seré)

No corazón do municipio e a súa capital emprázase esta extensa área de esparexemento que destaca por presentar ambientes moi distintos enlazados na súa parte central polo curso do Regacho da Igrexa e o paseo que discorre pola súa beira. Distribúese ao longo e ancho de tres hectáreas, sen uns límites claros, pois se estenden augas abaixo pola gran praza do concello e por outra zona de paseo e descanso á beira do río ata a ponte da estrada comarcal, mentres cara ao norte amplíase pola Área das Somozas, lugar especialmente deseñado para o turismo de caravana. En efecto, é un espazo aberto, amplo e céntrico, que se atopa próximo a establecementos comerciais e de restauración, á sede municipal e á igrexa de Santiago Seré. Trátase dun ambiente naturalizado e acondicionado en torno ao río, sobre o cal se instalaron pontes de madeira e pequenos diques para solaz dos visitantes. Así, nun conxunto ben ordenado vanse sucedendo distintos recunchos con escenas paisaxísticas de orixinal beleza. Na ribeira esquerda do río acaróase un carreiro ancho que permite ascender no medio dun conxunto de bidueiros novos que en cada época do ano cambian a súa rechamante variedade cromática. Mentres, na chaira da marxe dereita esténdese un arborado composto por diversas especies no que numerosos exemplares crecen no propio leito do rego acompañando a fermosos lirios e outras especies fluviais. Neste terreo chairo dispuxéronse numerosas mesas, bancos e outro mobiliario en perfecta harmonía co medio natural, sendo ideal para merendar ou reunirse con amigos. Os espazos abertos complétanse con outras zonas máis axardinadas de gran colorido e contraste de textura. A área vese enriquecida por parques infantís con mobiliario de madeira, sempre pensando nos máis pequenos, e por unha piscina descuberta, que permite darse un agradable baño para refrescarse en época estival.