43.5430129,-7.9380837

As Somozas (Santiago Seré)

Existe unha serie de cruces de pedra que tiveron como obxectivo orlar os camiños antigos, reais ou de romaxe, especialmente nas encrucilladas coa principal misión de poder orientar ao camiñante. É unha tradición prehistórica, pois xa na época megalítica e despois no mundo celta marcábanse os camiños por crenzas e cultos pagáns que se proxectaron sobre a relixiosidade posterior. A intención era a de protexer aos viandantes e lembrarlles o poder divino, nunha especie dobre actitude protectora e moralizante tan asociada á propia vida humana. O cruceiro de Abeledo responde a iso desde unha sinxeleza que o fai o máis sobrio do municipio, algo característico neste tipo de cruces de orientación camiñeira. Sen inscricións nin figuras, nin outras mensaxes morais, impetratorias ou de oración, móstrase na súa chamada máis recatada, aquela que busca a protección espiritual do transeúnte para indicarlle o seu camiño, promover o seu descanso material nas súas bancadas ou animar a unha parada para orar e lembrar a inevitable condición humana. Presenta unha ampla plataforma cuadrangular con tres grades, o inferior máis alto e que pode servir para o asento dos viandantes, función específica deste tipo de cruceiros. O superior, moi pequeno, apenas dispón de sitio para encadrar o pedestal, que é modesto e presenta algunha moldura e bocelado. A columna é curta e reproduce o habitual xogo de formas cadradas nos extremos e octogonais ou oitavadas no centro, sen que falten os frecuentes biseis que enlazan ambas as dúas xeometrías imitando a punta de frecha. O capitel é de estilo neoclásico e presenta as caras cóncavas en antequino recto, algo que nos lembra aos típicos remates superiores dos templos exipcios. A cruz é pequena, de traza latina e sen ningún detalle a destacar. O tratamento exterior con pintura dálle unhas tonalidades artificiais que ocultan a beleza verdosa da escura pedra serpentinítica con que foi elaborado.