43.52201, -7.9377

Esta singular fervenza fai saltar as súas augas sobre o val do Rego de Escalo, afluente do Río Pequeno e, polo tanto, do Río Xubia ou Grande. Leva o nome da aldea máis próxima, que se compón de dous barrios, o que leva o citado nome e o de Chao. Precisamente, deste último, á altura do seu pequeno lavadoiro, parte en descenso unha pista de terra que en 200 metros lévanos ata o recurso natural. Aínda que a vía é ancha recoméndase deixar o vehículo en calquera destes dous núcleos, os cales reúnen bos exemplos de arquitectura tradicional, tanto pola tipoloxía de vivenda como polas súas construcións adxectivas, nun coidado conxunto que compón o típico exemplo de aldea rural da zona.

O curto traxecto é moi atractivo pois nos encamiña entre arcadas de loureiros en agradables claroscuros colgados sobre a valgada. Nunha curva do camiño supérase o rego para atoparnos de súpeto cun pequeno bosquete que realza a caída de auga nunha composición con matices selváticos. Un pequeno rodal de altos amieiros e frondosas abeleiras ten aos seus pés un xardín de variados fentos que nos introduce no ambiente fluvial. A humidade e a escuridade fan que centremos os nosos sentidos no son, o producido por unha ampla cola de cabalo que se converte en época chuviosa nunha ancha cortina de auga. A fervenza resólvese en dous chanzos, que salvan dous tramos chairos e desnivelados do río. O superior é máis pequeno e irregular, cuns catro metros de caída, no que foron capaces de progresar algunhas árbores aproveitando a irregularidade do leito, pero baixo o mesmo aparece un espello de falla vertical de 14 metros sobre o que o río verte o seu ouro líquido. Esta é a evidencia das antigas oroxenias, as familias de terremotos que o choque dos continentes seriou  durante millóns de anos dislocando o terreo e salpicando Galicia saltos de auga naturais.