43.50955, -7.87666

Seixas

Nos altos do sueste do municipio, mirando cara á depresión das Pontes, no lugar da Capela, levántase esta ermida nun amplo espazo aberto no que outrora se celebraban romarías de moito mérito. Estas tiñan lugar a principios e a finais de agosto, pero na actualidade xa non levan a cabo. O templo está dedicado a San Bartolomeu, que na zona din San Bartolo, recibindo tamén o nome de Capela do Fronzal, sinalando así os usos relacionados coa matogueira que se lle daban aos montes dos arredores. Ademais do Santo, ten unha segunda advocación, a da nosa Señora das Neves, celebrada os primeiros días de agosto polo seu milagre de anunciar e provocar neve nesa época no monte Esquilino de Roma. Os aldeáns tamén relacionan o cenobio coa nosa Señora da Pena de Francia e con cabaleiros nobres franceses que defendían os camiños a Compostela, símbolos que teñen gran aceptación na comarca.

O edificio é simple, de planta rectangular pero con lixeiro rebaixe na parte do presbiterio, distinguindo así a zona de oficios do resto. O seu teito é a tres augas, con cuberta de lousa. Encalada e pintada só deixa os perpiaños de pedra á vista na porta principal da fachada, que presenta arco de medio punto e unha cruz de consagración no seu lateral dereito. Na mesma fachada principal obsérvase o piñón truncado polo nacemento do prisma triangular que sostén a espadana do campanario. Esta é estilizada, elaborada en toelo, dun só oco apuntado e con molduras a modo de arquivoltas. Na súa parte alta presenta tres pináculos, dous laterais rematados en forma piramidal e outro de formas máis suaves coroando e sostendo unha cruz de ferro baleirada. A ambos os dous lados, sobre a base rectangular do campanario, dispóñense outros dous pináculos, máis grandes, de idéntica forma aos superiores. Outro elemento destacado é a imaxe do santo gardada nunha fornela do lateral dereito da fachada. Nela aparece representado San Bartolo lembrando os principais feitos da súa vida. Dotado da súa capa de apóstolo, leva as sagradas escrituras como predicador que foi en terras orientais e o coitelo, indicando que foi martirizado e esfolado.