43.552, -7.91533

As Enchousas

As Enchousas (San Pedro)

É o mellor exemplo de arquitectura civil do municipio, tanto polas súas implicacións históricas como pola súa complexidade e funcionalidade. Atópase na parroquia e lugar do mesmo nome. Como moitas residencias nobres e pacegas localízase nun ámbito rural, rodeada de prados e terras de cultivo, na contorna dun pequeno núcleo de vivendas. A organización do espazo construído céntrase nunha casa principal no centro do conxunto, de planta rectangular e dous niveis, á que se adxectivan dependencias exteriores cuxa utilidade principal foi a de servir de cortes e alpendres para utensilios agrícolas. A aparencia tradicional das edificacións foi modificada por necesidades posteriores, explicando que non haxa homoxeneidade no seu aspecto visual e non se lle poida atribuír un estilo ben definido, o que non debe ocultar que a súa importancia e magnificencia no pasado. Diso dá fe o seu teito a catro augas en laxas de lousa e con cumes de tella árabe. O resto de edificacións presenta tellado a dúas augas salvo o hórreo, de alta cepa maciza e de tipo mixto, que retoma a complexidade do edificio matriz e é un exemplo representativo do estilo da zona. Visualmente, o alzado principal, ao contar con alpendre frontal e o hórreo exento pero próximo, non facilita recoñecer a notable dimensión do edificio, a cal se fai máis evidente nos alzados posterior e lateral, no que se mostran diáfanas as dúas plantas e a súa diferente funcionalidade a través da desigual distribución das xanelas de uso humano e as bufardas de adegas e habitáculos para os animais. O seu primeiro dono coñecido foi Pedro de Piñón das Enchousas, que conta cunha inscrición en pedra no muro de cabeceira da igrexa do lugar, pero sábese tamén da súa pertenza a personaxes ilustres como a Marquesa de Cavalcanti e a Condesa de Pardo Bazán, Emilia, muller polifacética que introduciu o movemento naturalista na literatura española e que entre as súas múltiples capacidades contaban as habilidades como escritora en distintos xéneros, o xornalismo, a tradución, a edición, o ensaio e a crítica literaria, sendo Los Pazos de Ulloa a súa obra máis coñecida.