43.53083, -7.94663

O Machuco

As Somozas (Santiago Seré)

A historia das Somozas escribiuse en ferro e auga, enerxía e materia, a esencia da vida. Visitando os vestixios das súas ruínas e aproveitando a toponimia local pódense descubrir ata catro emprazamentos nos que funcionaron nalgún momento machucos ou ferrerías. O máis antigo debería de ser, polo seu nome, O Machuco Vello, emprazado preto da capela de San Isidro, nunha volta do río Pequeno pero na beira oposta do regato. Na actualidade existen alí unha vivenda e un gran muíño abandonados, que seguro transformaron a estrutura orixinal do mazo, do que non se distingue nada na actualidade. Nas proximidades do lugar da Queira existe outro establecemento, o da Ferraría, que estivo unido por lazos familiares á Forxa do Castelo e que aproveita as augas do Rego dás Ferrarías, compartido co veciño municipio de Moeche. Ademais, no extremo oposto do concello, cara ao sur, atópase O Machuco Novo, nun meandro pechado do río Grande. Xa por último, o que se presenta ante nós, coñécese como O Machuco ou Machuco dás Somozas, moi próximo á capital municipal, cuxo uso deu lugar a unha das sagas familiares con máis importancia na siderurxia galega.

Centrándonos neste último, acomódase ó Rego da Ramisqueira, sendo o máis céntrico xa que se accede descendendo cara ao río por unha pista que hai enfronte á igrexa de Santiago Seré. En pouco máis de 300 metros chegarase ata unha ponte tras a cal se atopa o núcleo de O Machuco, composto por unha soa vivenda e as súas construcións adxectivas. Pero nós desviarémonos antes do paso fluvial á man dereita, seguindo un camiño de terra que deixa o río á nosa esquerda, leito que xa vai represado para dar servizo á ferrería. Tras un curto e agradable paseo dende a estrada chégase a outro cartel que indica a proximidade do mazo, cuxa edificación principal pódese observar xa desde alí entre a foresta.

Os restos do establecemento deixan ver aínda unha pequena nave duns 15 metros cadrados e tres metros de altura media na súa parte central, con teitado de lousa en bo estado e tella curva no seu cume. A iluminación natural interna conséguese por medio dunha ampla xanela e unha bufarda alongada horizontalmente sobre ela, contando tamén coa porta que, noutra das paredes, está orientada cara ao río. O teito conserva a súa estrutura orixinal en táboas de madeira e trabes en tesoiras nunha soa peza triangular, diferenciándose a viga do cume, os pontóns e, sobre eles, a ripa entaboada en madeira nobre autóctona. Fóra desta edificación principal é posible distinguir ben a canalización que chega en ángulo recto a unha gran cuba, a cal acumulaba a auga para xerar caudal e presión hidráulica, presentando un ancho duns tres metros e unha lonxitude de algo máis de dez. Desde ela unha canle interna rectangular levaba a auga ao lugar do mazo, que se atopaba nunha segunda edificación teitada pero da que agora só quedan partes dos seus muros. Neste lugar é posible observar pezas da estrutura orixinal que engrenaba a roda, a árbore e o martelo do enxeño hidráulico.