43.52967, -7.87412

Estas privilexiadas alturas, que divisan unha ampla área do norte da provincia acadando os 600 metros de altitude, deben a súa condición de vixía á súa localización no vértice que une as amplas escotaduras abertas desde as rías de Ferrol e Ortigueira. Ascenden estas ata os altos de Somozas polas rachadas redes fluviais capitaneadas polos ríos Xubia e Mera, que nacen a pouca distancia regando os o territorio municipal. Nesta estratéxica localización e grazas á especial configuración física, danse cita as bondades do deus Eolo, xeneroso aquí facendo chegar o influxo dos ventos do norte e os que acompañan ás forzas hercúleas do atlántico polo oeste. Este movemento perpetuo envólvenos para estender a vista sobre unha infinidade de vales e cumes cara ao mar, tal e como facían os antepasados destas terras ao buscar coa súa mirada as naves lendarias desde o “ Marván”. Antes de aventurarnos cara a límites oceánicos, estas cimas lévannos cara ao leste para observar as serras paralelas que se van sucedendo cara ao nacemento do río Eume e a serra do Xistral, distinguindo ben o Monte Caxado en primeira instancia e ao fondo o Penote de Muras, coroado por unha caseta de vixilancia. Pero a lenda obríganos a buscar terras marítimas. Cara ao noroeste, o amplo val do Mera deléitanos cun fondo escénico marcado pola mítica Serra da Capelada, coa súa Garita de Herbeira, o monte do Limo e, sobre o mesmo Cabo Ortegal, o rochoso monte Gargacido. Virando aos poucos cara á esquerda iranse sucedendo as alturas da Candelaria e Eixil, distinguindo o arco que encerra a ría de Cedeira. A costa cara ao Cabo Prior vaise resolvendo en cimas superpostas e orientadas polos cantís mariños. Xa cara ao suroeste intúese o suco da ría de Ferrol e as elevacións traseiras, que van facendo cambiar de dirección ao río Xubia en crebada disposición. Son a antesala do macizo do Forgoselo, que xa distingue co seu granito o extremo meridional do noso municipio. Baixo a nosa mirada o feraz val de Somozas, coas súas reforestadas ladeiras, as aldeas dispostas estratexicamente aproveitando as bondades do chan e do ceo, coas extensións de prados coloreando o fondo dunhas terras que teñen na enerxía da auga e o vento a súa razón de ser histórica e presente.