43.48388, -7.96969

A Toca

Recemel (Santa María)

San Antonio da Toca atópase no extremo suroeste do municipio, emprazada en lugar elevado, próxima a un importante camiño antigo que mantivo a súa importancia desde tempo prehistórico ata a actualidade. Ao seu derredor unha ampla chaira evidencia usos festivos e deportivos que os tempos actuais van facendo máis difíciles.

A súa festividade é o 13 de xuño, pois a súa advocación principal é a de San Antonio de Padua, extraordinario predicador e teólogo lisboeta que pertenceu á Orde Franciscana. Ao contrario que a maioría dos templos de Somozas, este está construído en granito, debido á proximidade de substrato ígneo, que se observa no próximo macizo de Forgoselo.

É a ermida máis grande do municipio, consistente en dous corpos representados por unha nave rectangular de 10 metros de longo e tellado a dúas augas, e por un presbiterio de planta cadrada, de 7 metros de lado e teitado a catro augas. Ambos os dous atópanse cubertos por lousa de colocación recente. O encalado domina a fachada e os muros, aínda que deixa a pedra á vista na parte inferior dos laterais da nave, nos esquinais e vans e nun gran perpiaño no lateral da fachada no que se pode ver a data de construción, 1880. Os ocos para iluminación natural son abundantes e xenerosos, existindo dous elevados e estreitos nos laterais do presbiterio e dous setados na parte posterior da nave. A eles hai que sumar dúas portas de lintel laterais e unha preciosa ventá gótica bífora, con curiosa crucería, cuxa finalización a asocia á escola de canteiros do toelo (serpentinita) da zona, pois lembra moito a outras obras similares da devandita procedencia existentes en diversos templos da comarca. Esta marca local obsérvase tamén na espadana, igualmente en toelo pero máis avermellada. Presenta o habitual oco apuntado, as molduras nunha parte alta en forma de piñón e os tres pináculos, sendo os laterais en remate piramidal e o superior máis redondeado para soster un catavento e unha cruz decorada, ambos os dous de  ferro.

A 200 metros do cruceiro, que serve de indicador para desviarse cara ao templo, pola estrada xeral, a man esquerda e en sentido cara ás Pontes, existe unha área recreativa á beira dun edificio escolar que serve para descansar da nosa visita.