43.5337546,-7.9450071

Recemel (Santa María)

Situado nun antigo camiño de peregrinaxe, en concreto o que se dirixe a San Andrés de Teixido desde distintos puntos da comarca, cumpre con outro dos emprazamentos habituais e de gran simbolismo para as cruces de pedra. A súa localización, nun extremo do atrio da igrexa de Santiago Seré das Somozas, dálle unha representatividade e monumentalidade complementaria que non debe relativizarse pola desgraciada circunstancia de ter sido derrubado por un accidente viario. A impoñente parte inferior, desmesurada para a columna e a cruz que soporta, levántase desde o chan e supera o muro do recinto relixioso, compoñéndose de dúas partes: unha gran base prismática rectangular, en dous corpos superpostos cun pequeno rebaixe, rechea de terra e cachotería e cun exterior de irregulares perpiaños; un pedestal tamén amplo que se podería determinar como de esquema toscano e que presenta molduras boceladas de talla variada. Sobre o gran soporte álzase un varal mixto, con base e alto cadrado pero dominado polo oitavado da parte central, uníndose ambas as dúas xeometrías por coidados biseis en punta de frecha. Destaca, iso si, o capitel, pois é dun particular estilo xónico “á galega”. Nel altérnanse volutas nas esquinas superiores, con anxos orantes que sobresaen de facetas cóncavas, xerando en conxunto un bonito xogo de sombras e relevos. A cruz, latina e cilíndrica, biselada nos extremos, imita aos paus da cruz, contendo dúas boas figuras do Cristo e a Virxe das Dores. Esta aparece vestida de manto e túnica, en actitude orante e descansando nunha peaña en forma de copa abucinada. O Cristo é estilizado e aparece coas extremidades flexionadas, despegado da cruz, mostrando o cansazo do corpo ante o martirio. O cruceiro atópase acompañado por un Viacrucis que se distribúe ao redor do templo sobre o muro do recinto e que se compón de cruces serpentiníticas de pequena talla, presentando forma grega, remate florenzado e paus oitavados.

Pendente de restauración.