43.503, -7.94201

San Roque

As Somozas (Santiago Seré)

A sinxeleza non lle resta nada ao encanto deste pequeno templo que se sitúa en sitio rural e aberto, en fronte e a un nivel parecido da igrexa de Santa María de Recemel, atopándose ofrecido tamén a Nosa Señora do Socorro. Componse de dous corpos, sendo a nave de planta rectangular e tellado lousado de lousa a dúas augas, que acolle no seu extremo un pequeno pórtico; mentres, o presbiterio é cadrado e con tellado a catro augas e tamén teitado, coroado por unha cruz de pedra. O exterior do edificio é curioso por varias circunstancias. En primeiro lugar mantén nos seus muros a cachotería ao aire, dándolle un aire rústico, mentres os mellores perpiaños quedaron para os esquinais e os vans, presentando distintos tipos de rocha, algo non moi común nas igrexas do municipio. As setadas xanelas só aparecen no lado sur, sendo a da nave máis estreita e máis ancha a do presbiterio. Ademais, resulta moi interesante o pequeno pórtico, que se obtén cunha prolongación do tellado, o que desenvolve un perfil pentagonal en cuxo eixo se dispón a rectangular e lintelada porta de entrada, mentres na parte baixa acolle dous bancos laterais. A espadana é de estilo neogótico e posúe unhas longas xambas para realce da súa verticalidade. O relevo das súas molduras parece imitar ás arquivoltas dos pórticos de entrada aos grandes templos. Sobre as ás do arco, que descansa sobre falsos capiteis, elévanse dous pináculos en forma de obelisco que se completan con outro máis complexo na punta e que sostén unha cruz de ferro. Atópase labrado na dúctil pedra serpentinítica, aínda que o seu pedestal rectangular é de material granítico. O interior non posúe case ornamentación, o que aumenta a importancia da estética exterior e do curioso pórtico, nun templo que transmite as liñas do románico tradicional malia que algúns elementos, como se viu, achegan outros estilos. Nun piso inferior ao atrio, limitado por un alto peche vexetal, existe un pequeno enclave acondicionado para o descanso con mesa, banco, fonte e asador.