43.52636, -7.94052

A Garita

As Somozas (Santiago Seré)

A Sociedade de Instrución e Beneficencia A Aurora de Somozas foi fundada o 6 de xuño de 1909 na Habana. O seu obxectivo foi o fomento da loita contra o analfabetismo -que alcanzaba ao 70% da poboación en 1900- e a escaseza de escolas rurais, eivas que abocaban á pobreza e á emigración a moitos galegos, que en destino víanse obrigados, ante a súa falta de formación, a realizar duros traballos para sobrevivir. Entre os seus varios proxectos estiveron a promoción e patrocinio do ensino e instrución gratuítas entre os habitantes do Concello de Somozas, algo que buscou mediante dúas escolas itinerantes (Somozas- Recemel e Enchousas-Seixas), con docencia temporal de tres a seis meses, ademais deste edificio de As Garitas, que materializou os soños educativos de moitas familias.

A escola consta de dous andares nos que se recoñecen os canons do interesante “hixienismo” de inicios do século XX: emprazamento saudable estratéxico para unha aireación natural que evitase epidemias; gran amplitude e servizos hixiénicos, para comodidade dos seus usuarios e facilitar unha correcta organización docente; boas condicións de iluminación natural, buscadas con amplos ocos cara o exterior; a loita contra as humidades, mediante unha grosa base que separaba o chan do edificio do terreo.

O edificio iniciouse en abril 1936 para finalizarse o ano seguinte e, aínda que moitas destas escolas quedaron clausuradas pouco despois no medio dos convulsos acontecementos do país, esta logrou sobrevivir coa súa actividade ata os anos 1970. Arquitectonicamente consta de planta rectangular con dous niveis e cuberta a dúas augas, o que habilita un faiado. Está construída con cachotería irregular de pedra do país e ten un encalado exterior que vai desaparecendo. Na fachada remárcanse os vans mediante molduras simples que nos antepeitos sostéñense sobre unha especie de sinxelas ménsulas, á vez que no resto xógase co estilo “chagado” para dar a sensación de regularidade nos perpiaños. Utilízanse bandas horizontais para dar realce ao conxunto, utilizando un beiril e unha cornixa para separar os pisos, delimitando esta unha especie de frontón na parte superior.

As escolas dos emigrantes estaban ben dotadas, con moderno mobiliario e material didáctico novo, non faltando libros de texto actualizados, mapas, ferramentas de escritura, bibliotecas completas e material de laboratorio elemental, como termómetro ou mesmo microscopio, de maneira que podían afrontar con garantía diferentes materias e nun ensino moderno e técnico, que moitas veces era laico e de carácter liberal.

As Sociedades Galegas de Instrución na emigración constituíronse nun fenómeno sen parangón, existindo entre 1904 e 1936 un total de 525 en toda Galicia que fomentaron 235 novos colexios e 336 aulas, de tal xeito que en 1933 a taxa de analfabetismo descendeu ata o 45%. Entenderase así o valor do nome da Sociedade, La Aurora, alegoría dun novo mañá para as nenas e nenos daquela terra tan empobrecida economicamente.