43.54052, -7.94108

Castelo

As Somozas (Santiago Seré)

Moi próxima á capital das Somozas, trátase dun pequeno templo situado nun amplo prado visible desde a estrada comarcal. Está dedicado á Nosa Señora da Pena de Francia, advocación mariana cuxa historia está ligada aos camiños de Santiago e a existencia de cabaleiros franceses, non afastada pois da relación lendaria do concello. A súa celebración é o primeiro luns de Pascua, data sinalada para outros importantes centros romeus da comarca, na que existen algúns lugares que repiten esta devoción cuxo orixe se atopa no coñecido santuario salmantino da serra do mesmo nome.

O edificio é simple, con planta rectangular de nave única, ben teitado a dúas augas con lousa do país. Ilumínase mediante dúas xanelas setadas e apuntadas na parte alta da súa fachada e do lateral sur. Esta foi feita nunha curiosa variedade esbrancuxada de toelo.

A porta de entrada é un dos seus elementos máis rechamantes, presentando elementos en varias especies rochosas e un arco de medio punto que mostra moi amplas doelas pero de pouco grosor, en acordo cos perpiaños das súas xambas. Na peza crave mostra unha figura de cruceiro encalada. A espadana do campanario, de cemento, é moderna, pero parece reproducir a feitura da antiga, incluíndo un único oco con arco carpanel, dous pináculos tronco-piramidais e, coroando, unha cruz latina. Obra a curiosidade de que, pendida da punta do arco da xanela da fachada hai unha campaíña que acompaña no seu tocar á maior do campanario, harmonizando o son para suplir os defectos da principal.

O interior, simple como o da maioría das ermidas, ofrece varias figuras, pequenas pero curiosas, algunhas sobre soporte procesional e outras colgadas na parede sobre peañas de madeira a base de pequenos estantes. Das primeiras, unha representa a San Pedro sostendo a cruz patriarcal e as chaves do ceo; a outra dá vida á patroa e presenta unha orixinal vestimenta na que destaca un gorxal coa cruz de Malta, símbolo tamén asociado á peregrinación compostelá.