43.5375, -7.9375

Castelo

As Somozas (Santiago Seré)

Unha forxa ou fragua é o taller do ferreiro, obradoiro que se ocupaba de realizar, arranxar e afiar utensilios e ferramentas de ferro para as actividades diarias, especialmente as agrícolas. Se os machucos ou mazos son ferrerías pequenas, as forxas son unidades menores de produción e reparación que tamén podían utilizar a enerxía hidráulica e contaban coa presenza dun mazo para as súas elaboracións. Estas, ás veces, eran complementarias ás dos machucos ao realizar manipulacións de estirado, dobrado ou mellora do acabado das pezas. A súa estrutura lembra á dunha pequena ferrería, pero é máis simple e de dimensións menores. Ata a electrificación dos establecementos de transformación do ferro podían desviar tamén as augas do río para accionar un pequeno mazuco ou podía suplirse a súa falta mediante mecanismos manuais. No interior do edificio de produción existía polo menos un barquín ou unha pequena turbina a manivela cos que se insuflaba aire para avivar o lume. Tampouco faltaba un gran bigornia para dar forma, a base de impactos de martelo ou mazo, ás pezas de ferro que así ían adquirindo a forma desexada. Ademais, adoitaba atoparse un torno, acompañado dun banco de carpinteiro, realizándose traballos complementarios en madeira para mangar ou elaborar pezas suplementarias aos artificios metálicos.

A electrificación prolongou a actividade destes centros ata ben pasada a metade do século XX provocando que, nalgúns casos, desprazasen os seus talleres ás aldeas, ao non depender xa da enerxía da auga para desempeñar a súa función. Podían constituírse, como outras pequenas unidades de produción industrial, en vivenda-taller ou ocupar naves exentas, todo iso en función das características do seu emprazamento e as posibilidades de facer vida na contorna.

Esta forxa, que estivo relacionada por lazos familiares co machuco da Queira, sitúase moi próxima á capital do municipio e seguiu viva ata finais do século pasado, época na que xa non quedaban moitas en vigor no territorio galego. Vendía as súas elaboracións nas aldeas próximas e distintas feiras da comarca, como as nomeadas da Barqueira, As Pontes e Moeche.