43.57726, -7.90164

As Enchousas

Non lonxe desta afastada capela do norte do municipio pasa o río Mera, cuxo murmurio se escoita, plácido, mentres a contemplamos. Atópase próxima ao lugar de O Silvao, polo cal leva tamén o seu nome, tal e como reza nos azulexos da súa entrada e nun letreiro do seu testeiro que lembra os actos da súa romaría. Atópase ao bordo do camiño antigo que unía Somozas con Ortigueira e a súa ría, preto dun importante vao fluvial que contaba ademais con muíño. Esta posición estratéxica explica a súa localización, hoxe estraña polo paso da historia e o cambio nos usos e costumes. Para achegarse a ela hai que desviarse da estrada Somozas-Ortigueira, tras o seu cuarto quilómetro, por unha pista de terra que descende á esquerda. Nuns 250 metros chégase ao escampado no que se levanta.

Trátase dun edificio pequeno con planta rectangular, moi simple, con moi escasa luz no interior, só auspiciada polos pequenos ocos cadrados existentes na parte alta do muro lateral. Non se observa a pedra con que está feita, pois o encalado cobre os muros, esquinais e linteis. O seu tellado, con pezas de lousa do país en corte rústico, é de catro augas e sobresae da nave para cubrir un curioso pórtico. Este apóiase en dúas columnas cuxo grosor parece descubrir maiores intencións. O teito do mesmo é rechamante pola súa laboriosidade e antigüidade, con vigas que se apoian nas grosas columnas, armando un armazón de madeira con pontóns irregulares, sobre os que descansan as ripas, listóns do mesmo material. O conxunto presenta unha tendencia a converxer na parte alta central da fachada. Como adoita ocorrer en moitas outras ermidas e igrexas, a de San Antonio, con ser a principal, non é a única advocación relixiosa pois, como se pode ler sobre a súa porta de entrada, a cal presenta forma rectangular con lintel no que aparece o ano de construción, 1844, está dedicada tamén á Virxe de Guadalupe.