43.52025, -7.96

Vilachave

As Somozas (Santiago Seré)

Para chegar a este lugar é necesario desviarse no alto da Garita, por unha entrada que queda enfronte da escola antiga escola da Aurora de Somozas, seguindo unha pequena estrada durante algo menos de dous quilómetros, quedando ao pé dela.

Esta pequena ermida é de planta única, rectangular, tellado en lousa a dúas augas e unha base xenerosa para salvar o desnivel que presenta o terreo. Os seus muros aparecen encalados e na súa parte baixa recebados, deixando ver a pedra só na cornixa, no enmarcado dos seus ocos e nos chanzos de entrada que salvan a sobre elevación provocada ao buscar a horizontalidade.

A pedra serpentina da cornixa é dunha variedade xaspeada en tons ocres e avermellados, contrastando coa que presentan a espadana e os pináculos que culminan os esquinais da fachada, máis escura e agrisada con algunhas tonalidades verdosas e granates.

A porta, de lintel e xenerosa, ten unha cartela superior sen inscrición sobre a que aparecen uns azulexos que indican a advocación do templo. San Marcos, O Evanxelista, é habitual nos pequenos cenobios que orlan os camiños, especialmente os de peregrinación, sendo representado habitualmente cun león, ao predicar sobre o deserto e no río Xordán, lugares aos que estaba asociada esta fera. Como noutras capelas da zona, son elementos rechamantes os pináculos con remates piramidais nos laterais da fachada e na espadana, que son de gran dimensión no primeiro caso.

Esta resólvese no habitual apuntado gótico e en modestas molduras, que terminan en falsos capiteis sobre os que descansan os pináculos laterais. A campá presenta unha iconografía que se pode ver noutros templos do municipio, consistente nun cruceiro debuxado sobre base triangular e cunha cruz moi adornada. Esta complicación vese reflectida na cruz que coroa o templo. Esta presenta remates en bronce que ofrecen un contraste cromático moi vistoso coa cruz de ferro, baleirada e con volutas e espirais en correcta simetría.